•O Daviña estreouse no blog do programa cunha entrada sobre gastronomía e un tutorial das Mastercociñeiras para facer filloas innovadoras

•O alumnado de 12 a 18 anos de catro institutos galegos comprometeuse a usar o galego as 24 horas durante 21 días, e combater os freos que impiden esta normalización
A normalización do galego entre adolescentes e mocidade é o obxectivo do programa “21 Días en Galego e Máis”, no que participan este ano 1.316 alumnos e alumnas de 12 a 18 anos de catro institutos galegos, un por provincia. En representación de Lugo está o IES Daviña Rey, un dos primeiros en subir unha entrada ao blog que dá visibilidade a esta iniciativa en internet.

Os estudantes do centro monfortino escolleron a gastronomía para facer a súa aportación, incluíndo unha listaxe con interesantes referencias audiovisuais en galego sobre programas e blogs gastronómicos. Eles mesmos elaboraron o seu propio vídeo, protagonizado polas Mastercociñeiras, que con humor e bo xeito constrúen un auténtico tutorial para facer filloas innovadoras. A receita inclúe os ingredientes típicos desta sobremesa tradicional, e como recheo suxiren crema de castañas e lacasitos. A sorpresa é que unha das “filloas tutti-frutti” é azul, o que a fai aínda máis apetecible. •
