Pantón dá máis tempo para desfrutar do Entroido no sur de Lugo

•O desfile e concurso de comparsas e disfraces vaise celebrar en Ferreira o sábado 9 de marzo

O Xoves de Comadres animou a contorna da Praza do Concello en Ferreira. (Fotos cedidas)

Dende hai tempo, Pantón está a ofrecer unha segunda oportunidade ás comparsas e disfraces do sur de Lugo, para acadar unha xornada extra de diversión.

POSIBILIDADE DE COMPLETAR EN PANTÓN O PERCORRIDO POR VARIOS ENTROIDOS
Neste municipio, os eventos do día grande do Entroido celébranse case unha semana despois, o que permite aos participantes completar a axenda de festexos nas diversas poboacións, e poñer o broche final na cita pantonesa.

INSCRICIÓNS E RECOLLIDA DOS NÚMEROS ATA O 8 DE MARZO
Este ano, o Entroido encherá de animación as rúas de Ferreira na tarde do sábado 9 de marzo. Todos os participantes deberán estar presentes ás catro na rúa que está enriba do CEIP Monte Baliño. Previamente, haberá que formalizar a inscrición de xeito presencial, e recoller o correspondente número, co que se identificará a todos os participantes no concurso. Hai tempo ata o 8 de marzo para anotarse no segundo andar do Edificio Sociocultural, de 10 a 20 horas entre luns e venres, e de 10 a 13 horas os sábados.

CHOCOLATADA E BAILE NA PRAZA DO CONCELLO AO REMATAR O DESFILE
O día do desfile, a comitiva sairá dende a contorna do colexio ás catro e media, percorrendo as rúas da capitalidade, e desembocar na Praza do Concello, punto no que se poderá desfrutar dunha chocolatada, amenizada cun baile.

PREMIOS NA CATEGORÍA DE COMPARSAS DE ADULTOS
En canto aos premios, establécense dúas categorías. Para os adultos, haberá tres premios, de 350, 200 e 150 euros, para os grupos de 10 ou máis compoñentes. No caso de grupos de 5 a 9 membros, os premios serán de 150, 125 e 100 euros. Finalmente, as formacións de 1 a 4 compoñentes optarán a tres premios de 100, 75 e 50 euros.

PREMIOS INFANTÍS
Na categoría infantil, concederanse tres premios de 180, 160 e 150 euros á modalidade de grupos de 10 ou máis membros. As formación de entre 5 e 9 persoas optarán a premios de 100, 75 e 50 euros. Por último, haberá tres galardóns de 50, 40 e 20 euros para os grupos de entre 1 e 4 membros.
Os grupos que resulten premiados recibirán os correspondentes importes mediante ingreso, no número de conta que deberán aportar o día do desfile, e no que deberá constar o IBAN. No caso de menores de idade, a conta de referencia para o ingreso do premio será a acordada co pai, nai ou titor legal.

COMPOSICIÓN E CRITERIOS DO XURADO
O xurado do concurso estará formado por un representante de cada comparsa, que non desfilará, e unha persoa allea ao desfile, e que aportará o voto de calidade. O xurado terá en conta, na súa valoración, a orixinalidade, a calidade e a simpatía dos disfraces. Será competencia do xurado deixar deserto algún dos premios, se así o considera oportuno, así como a posibilidade de outorgar algún accésit. A ANPA do CEIP Monte Baliño contará cun premio especial de 150 euros, que será incompatible con calquera dos demais premios.

AXUDAS ADICIONAIS A COMPARSAS E CARROZAS
Todas as comparsas de máis de 10 membros recibirán 80 euros pola súa participación, incluso a ANPA do colexio. Esta axuda é incompatible con calquera dos demais premios. Así mesmo, o Concello establece unha axuda adicional de 50 euros para todos os grupos que inclúan unha carroza na súa comparsa. As bases especifican que a carroza ha de ser un armazón metálico ou de madeira, que estará elaborado e decorado con gusto e imaxinación.
O Concello de Pantón repartirá agasallos entre todos os nenos e nenas presentes nas celebracións do Entroido.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Todo listo en Quiroga para celebrar o Entroido

Seguinte Nova

Preto de 300 deportistas estarán en Monforte nos campionatos galego e provincial de volei organizados polo CV Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre EVENTOS

     
A %d blogueros les gusta esto: