O domingo 3 de marzo será o día grande do Entroido en Quiroga. Se a climatoloxía o permite, ás cinco da tarde sairá a comitiva de comparsas e disfraces pola rúa Real, dende a zona das piscinas ata a Casa do Concello. O desfile rematará co concurso, a chocolatada con churros e o baile, amenizado polo Dúo Explosión.
PREMIOS
No concurso haberá dúas modalidades, a de comparsas cun mínimo de 10 membros, e a de disfraces individuais, cun máximo de tres membros por disfrace. Para as comparsas, daranse tres premios, de 600, 300 e 150 euros, e todas as comparsas que non teñan premio recibirán 60 euros. Na modalidade de disfrace, haberá un único premio de 60 euros.
COMPOSICIÓN E CRITERIOS DO XURADO
O xurado do Entroido terá tantos membros como comparsas e disfraces haxa no desfile. Cada unidade participante nomeará a un representante, e ao remate, votará ás demais comparsas e disfraces, agás aquel no que concursan. Na valoración, os membros do xurado terán en conta a orixinalidade dos disfraces, a coreografía, a escenografía, a elaboración do vestiario e a da carroza.
Os premios entregaranse diante da Casa do Concello, ao remate do desfile.
FESTA INFANTIL O LUNS 4 DE MARZO
Para os máis cativos, o Entroido en Quiroga dura un día máis. O luns 4 de marzo, a partir das cinco da tarde, terá lugar unha festa infantil de disfraces no disco-pub Yoya. •