Crean un novo premio provincial para a promoción turística e a innovación en gastronomía

• O Consello Provincial de Turismo aprobou as bases dos premios Lugo Cambia, promovidos polo Goberno da Deputación

Reunión do Consello Provincial de Turismo, o 6 de marzo, na que se aprobaron as bases do novo premio. GPDL

O ano que vén, Lugo contará cun novo galardón para recoñecer o traballo de persoas, empresas e entidades vinculadas ao turismo e á gastronomía. A comezos de marzo, quedaron aprobadas polo Consello Provincial de Turismo as bases do novo premio Lugo Cambia, que recoñecerá iniciativas a prol do fomento da promoción turística, e de innovación na gastronomía da provincia.

SINALIZACIÓN DOS RECURSOS TURÍSTICOS CUNHA APP
Na reunión do Consello, deuse conta das accións que a Deputación de Lugo realizou no último semestre en materia de turismo. Neste sentido, anunciouse a próxima adxudicación dun sistema de sinalización intelixente de todos os recursos turísticos da provincia a través dunha aplicación. Tamén vinculada ás novas tecnoloxías, no pasado semestre definiuse unha nova estratexia de comunicación en redes sociais sobre eventos turísticos, gastronómicos e culturais no territorio lucense.
Ademais da participación nas principais feiras turísticas de nivel europeo, nacional e autonómico, a Deputación participou en diversos foros sectoriais e editou varias publicacións para promover o turismo e a gastronomía lucenses. Así mesmo, no balance destacou o impulso que se está a realizar dende o organismo provincial para promover o Xeoparque Montañas do Courel e o destino científico Ancares-Courel, ademais dos diversos xeodestinos definidos na provincia.
Na reunión do Consello Provincial de Turismo participaron 20 dos 26 integrantes deste órgano consultivo, no que están representados todos os axentes do sector na provincia.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Courel e os Ancares convértense na maior reserva de turismo científico de Galicia

Seguinte Nova

Ata o 1 de abril para solicitar as axudas da Deputación aos deportistas individuais

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: