• A sinatura da aprobación definitiva puxo fin a 13 anos de tramitación do PXOM quirogués

Quiroga dispón xa dun ordenamento urbanístico actual e axeitado á normativa vixente. O pasado 11 de marzo, a Casa Consistorial acolleu a sinatura da orde de aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), na que interviñeron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez; e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas. Con este paso, Quiroga convértese no municipio número 101 de Galicia en ter un Plan urbanístico conforme á lexislación actual.
LONGA TRAMITACIÓN
O novo documento é o resultado de 13 anos de tramitación, e deixa atrás as directrices seguidas ata o de agora, baseadas nas Normas subsidiarias municipais, aprobadas en 1995 e que dende a Consellería cualificaron de «básicas e anticuadas». O Plan Xeral ratificado este mes prevé en Quiroga un crecemento máximo de 1.800 vivendas nos próximos 12 anos, cifra que haberá que sumar ás máis de 3.000 vivendas inventariadas na actualidade.
O estudo realizado para elaborar o PXOM de Quiroga definiu as características dos preto de 320 quilómetros cadrados que conforman o término municipal. Desta superficie, o 99,07% é de carácter rústico, o 0,61% ten categoría de solo rural, e o 0,29% é solo urbano. A superficie urbanizable limítase ao 0,03%.
ZONAS CON MÁIS SOLO URBANIZABLE
O novo documento, para o que se tiveron en conta o 90% das 272 alegacións presentadas, aumenta en 368.500 metros cadrados a superficie na que se poderá construír directamente. Esta ampliación afecta ás zonas de Campaza e O Regueiral, a recta de Toucedo, a zona do Poboado e as de San Xulián, As Estradas e Carballeira-Hospital, segundo puntualizaron dende o Concello. Así mesmo, o PXOM anula as Unidades de Xestión que limitaban a construción na vila de Quiroga. Dende a Consellería destacaron que a nova ordenación multiplica por tres o espazo reservado a zonas verdes, libres e de equipamento xeral. •