O teatro profesional da provincia contará este ano co dobre de axudas da Deputación. O organismo provincial vén de aumentar ata os 50.000 euros a partida destinada á segunda edición do programa Proscenio, unha iniciativa que permitirá ás compañías profesionais privadas da provincia levar a escea as súas obras dende maio ata decembro deste ano.
Os detalles das axudas explicounos a deputada de Cultura, Pilar García Porto, nun encontro con representantes das asociacións do sector, e responsables municipais desta área. O caché de cada representación incluída no programa Proscenio non deberá superar os 5.500 euros, segundo a tipoloxía da obra. Deste importe, a Deputación aportará o 50%, e o resto estará a cargo dos Concellos ou entidades sen ánimo de lucro que desexen participar na iniciativa.
O ano pasado, Proscenio estreouse cun total de 16 representacións a cargo de 6 compañías, que levaron o teatro lucense a Sarria, Pol, Monforte de Lemos, Triacastela, Quiroga, Pantón, Viveiro, O Vicedo e Lourenzá.•