
A Praza Luis de Góngora vén de recuperar o alumeado público, logo de anos sen servizo eléctrico tralas obras de acceso a San Vicente. Segundo explicaron dende o Concello, as catro farolas da praza e as outras catro do lateral da igrexa non funcionaban ao quedar sen instalación logo dos traballos no vial. A mediados de marzo, comezou a funcionar este servizo, cun investimento do Concello de algo máis de 10.000 euros. As obras, executadas por unha empresa monfortina, coordináronse cos traballos da fachada da igrexa de San Vicente. Dende o Concello destacaron a importancia de que este espazo turístico e cultural conte cunha iluminación “notablemente mellorada”. •