• En zonas peonís e naquelas rúas que teñen máis movemento • A empresa concesionaria emprega maquinaria específica e axeitada a cada zona

O Concello de Monforte está a realizar unha limpeza a fondo do pavimento das zonas peonís e das rúas con máis tránsito. Os responsables municipais acordaron coa concesionaria da limpeza viaria a execución destes traballos, que consisten no decapado da superficie do pavimento para eliminar a sucidade máis incrustada.
VARIAS PRAZAS E RÚAS CÉNTRICAS XA LISTAS
Os primeiros traballos xa se completaron na praza da Estación, nas rúas Calvo Sotelo e Santa Clara, na praza do Campo de San Antonio e na de Doutor Goyanes, así como na zona da parada de taxis da rúa de Galicia, e na praza de España.
ÁMBITO DE ACTUACIÓN DOS TRABALLOS
A continuación, iniciouse a quenda de tarefas de limpeza a fondo na zona peonil da rúa Cardeal, para seguir polo tramo non peonil. Tamén están incluídas na área que se vai decapar as rúas Hermida Balado, Doutor Teixeiro, do Comercio, a Praza dos Chaos, Roberto Baamonde, Hortas, Otero Pedrayo e Poeta Lois Pereiro.
A última fase das operacións ocupará a zona da Compañía, a Avenida de Galicia dende a parada de taxis ata o cruce coa rúa Ourense, e o Paseo de Lugo, ademais doutras zonas que se consideren de interese polo seu tránsito.
A idea do Concello é ter acabada esta limpeza antes de Semana Santa, ou como moi tarde, ao longo do mes de abril.•