Os socialistas do Saviñao rexeitan a localización que a Xunta dará ao novo centro de saúde

Imaxe do espazo no que irá situado o novo centro de saúde do Saviñao. Os socialistas lamentan que esta elección suporá reducir o parque biosaudable e o platanar que hai nas inmediacións. (Foto cedida: PSOE O Saviñao)

Redución de espazos verdes e de lecer, exceso de humidade e problemas de estacionamento son algúns dos problemas que vai traer a futura ubicación do novo centro de saúde do Saviñao, segundo os socialistas deste municipio.

«EN CONTRA DA OPINIÓN DA MAIORÍA DOS VECIÑOS»
O voceiro desta formación, Celestino Rodríguez, referiuse á decisión da Consellería de Sanidade de construír o novo edificio no campo da Lama, «en contra da opinión da maioría de veciños», que, segundo o socialista, «prefiren renovar as instalacións do actual ambulatorio».

«ROMPE O URBANISMO DA CAPITALIDADE»
Rodríguez fixo esta valoración a mediados de marzo, xusto despois de que a Xunta adxudicara as obras de construción deste edificio. O voceiro socialista lembrou que o emprazamento no que irá o centro de saúde está destinado a usos deportivos. Rodríguez adiantou que, por este motivo, haberá que reducir o parque biosaudable e o platanar anexo, o que «rompería o urbanismo de Escairón e un dos centros de esparexemento e lecer dos veciños».
O portavoz socialista no Saviñao alertou de que «non é aconsellable construír nesta zona porque no inverno fórmanse lagoas», debido á proximidade do nacemento do río Pesqueiras, o que xera encharcamentos.
Outro dos motivos para rexeitar esta ubicación do centro de saúde é que está lonxe das farmacias. A isto, habería que sumar, segundo os socialistas, os problemas de estacionamento que suporá instalar o centro de saúde ao carón do colexio.
A agrupación socialista xa presentara varias iniciativas no Pleno para renovar o centro de saúde e evitar a nova construción, pero foron rexeitadas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pantón xa é oficialmente Municipio de Interese Turístico de Galicia

Seguinte Nova

Cecilia Quiroga e Alba Varela, do IES A Pinguela, no podio do Campionato Provincial de Orientación

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: