Pantón xa é oficialmente Municipio de Interese Turístico de Galicia

• Lugo é a provincia con máis Municipios de Interese Turístico de Galicia, ao acoller 14 dos 48 que hai en toda a Comunidade 

O Mosteiro das Bernardas de Ferreira é un dos símbolos da riqueza monumental de Pantón, que atrae cada ano a máis visitantes. Arquivo EC

O 21 de marzo, o Diario Oficial de Galicia publicou o acordo do Consello da Xunta, no que se declaraba a Pantón como Municipio de Interese Turístico de Galicia.
Este recoñecemento supón para o concello con máis densidade de arte románica de Galicia “un aval e unha acreditación do valor do seu importante patrimonio histórico”, segundo destacaron dende a Xunta. Deste xeito, Pantón pasa a integrarse na lista dos 48 municipios turísticos da nosa Comunidade, 14 dos cales pertencen á provincia de Lugo.

REQUISITOS DE AFLUENCIA DE VISITANTES E INFRAESTRUTURAS TURÍSTICAS POR POBOACIÓN
Para a consideración deste concello como turístico, a Xunta tivo en conta varios requisitos, establecidos no decreto 32/2015. Por unha banda, e en canto á afluencia de visitantes, Pantón rexistrou unha media ponderada anual de poboación turística superior ao 25% do número de veciños. Así mesmo, o concello acreditou ter algún recurso ou servizo turístico que xera un volume de visitas cinco veces superior ao total da poboación municipal.
Por outra banda, e no referente ás infraestruturas turísticas, o número de prazas de aloxamento turístico e de segunda residencia é superior ao 50% do número de habitantes.
A condición de Municipio de Interese Turístico suporá para Pantón o acceso a liñas de fomento e promoción, ademais das políticas de implantación e mellora de infraestruturas e servizos que a Xunta prevé para este tipo de concellos.
No sur de Lugo, contan tamén coa consideración de Municipios de Interese Turístico os de Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Quiroga, Sober e Samos. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O alumeado público volve á praza Luis de Góngora na contorna do Parador

Seguinte Nova

Os socialistas do Saviñao rexeitan a localización que a Xunta dará ao novo centro de saúde

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: