Semente de Monforte premiou un sistema de detección de alérxenos en alimentos

• O segundo premio foi para unha app de xestión forestal, e o terceiro para unha monitorización sanitaria do gando vacún

Os premios da quinta edición que convoca Semente de Monforte, a partir de agora con extensión á Ribeira Sacra, entregáronse en Monforte o 16 de marzo. GPXG

O impulso ao emprendemento medra en espazo no sur de Lugo. A asociación Semente de Monforte cumpriu cinco convocatorias dos seus premios aos mellores proxectos empresariais vinculados ao territorio. Desta volta, o gañador dos 8.000 euros do primeiro premio foi o proxecto Sense Z, cun sistema para detectar alérxenos nos alimentos. O segundo galardón, de 5.000 euros, correspondeu a Smartwood, unha app para a xestión forestal. Os 3.000 euros do terceiro premio foron para Itecterm, un sistema de monitorización e contro de variables sanitarias en gando vacún.
Entre os dez finalistas, acompañaron aos gañadores proxectos vinculados ao sector alimentario, como Recovery Blood, un procedemento para revalorizar o sangue e subprodutos da industria cárnica, e Artio, unha bebida isotónica natural elaborada con auga de mar da costa atlántica galega. Tamén se seleccionaron ideas vinculadas á xestión sostible, como Fundeen Management, unha plataforma de financiación para proxectos de enerxías renovables, e outro sistema de planificación de xestión circular de residuos orgánicos para a revalorización enerxética e restauración de solos degradados mediante xeración de biogás. Así mesmo, quedaron entre os finalistas Send2Me, unha caixa de correo electrónico para entrega de paquetería; Entelarte, que se definiu como unha estrutura creativa en torno á artesanía que convive coa cultura, a arte e o ocio; e Racimos Glamping & Wine, un campamento turístico na Ribeira Sacra.
A partir da vindeira edición, os premios denominaranse Semente Ribeira Sacra, ao ampliar o ámbito dos proxectos aos concellos da Pobra de Brollón, Pantón, O Saviñao, Sober, Chantada e Bóveda, e coa entrada como patrocinadores das Deputacións de Lugo e Ourense. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta vén de destinar máis de 74.000 a melloras no Centro Sociocultural e na Casa Consistorial de Bóveda

Seguinte Nova

As casas rurais terán unha clasificación turística por estrelas

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: