Sober enche de actividades en torno ao viño as datas previas á XXXIX Feira de Amandi

• A XXXIX Feira do Viño de Amandi será na fin de semana do 13 e 14 de abril

O Miradoiro de Soutochao acolleu a presentación, o 16 de marzo, dos actos do Mes de Amandi e do cartel anunciador da XXXIX Feira do Viño. GPCS

O Concello de Sober ten posto en marcha un amplo programa de actividades con motivo do Mes de Amandi, calendario previo á celebración da Feira do Viño decana na provincia.
Na fin de semana do 23 e 24 de marzo, o Mes de Amandi trouxo a Sober un concerto de saxofóns dos membros do Conservatorio de Ourense, e as primeiras Xornadas Ornitolóxicas organizadas polo GDR Ribeira Sacra – O Courel. Esta iniciativa contou cunha sesión teórica no Centro Sociocultural, e unha parte prática no Canón do Sil.

GASTRONOMÍA, CULTURA E DIVULGACIÓN
Os últimos días de marzo completaranse con accións vinculadas á gastronomía, a cultura e á difusión da Feira de Amandi máis aló da provincia. No eido gastronómico, a Escola de Hostalería de Rosende acolle na mañá do xoves 28 unha xornada de maridaxe do viño de Amandi coa faba de Lourenzá, produto recoñecido co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP). Dentro das actividades culturais, o venres 29 quedará aberta na Oficina Municipal de Turismo a exposición de fotografía Viña Sacra, coas imaxes premiadas no concurso Christina Snellman, organizado pola asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada. O mesmo día pola tarde, os cativos participantes nas Merendas con Contos da Biblioteca Municipal desfrutarán dunha visita didáctica aos viñedos de Amandi. O sábado 30 terá lugar, ás oito da tarde, un concerto da Banda Nova de Allariz no Centro Sociocultural.
Para promover a Feira, está pensada a denominada Caravana do Amandi. Esta nova iniciativa, que se presenta o xoves 28, visitará a cidade de Lugo e a capitalidade do Saviñao na primeira semana de abril. O venres 29, de 19 a 20 horas, retransmitirase en directo dende o Centro Sociocultural de Sober o programa de Onda Cero «Gente Viajera de Galicia», conducido por Susana Pedreira. Na mañá do sábado 30, terá lugar na Rectoral de Gundivós a recepción dunha delegación do Concello coruñés de Vedra, liderada polo seu alcalde, Carlos Martínez Carrillo. O evento forma parte das Xornadas Técnicas de Promoción e Difusión da Cultura do Viño, que organiza a Asociación Cultural San Miguel de Sarandón.

NOVIDADES DESTE ANO
Hai máis novidades no programa do Mes de Amandi. Na mañá do xoves 4 de abril, terá lugar no Centro Sociocultural o I Concurso de Sumilleres, coa colaboración da Escola de Hostalería de Rosende. O mércores día 10, darase a coñecer a tarxeta postal prepago emitida por Correos, e ilustrada co debuxo gañador do Concurso Infantil. Ademais, durante a primeira semana de abril, a Oficina Municipal de Turismo organiza un curso de español para estranxeiros, orientado a casas rurais, vivendas vacacionais e apartamentos turísticos. O mércores día 3 presentarase o libro «O alén dos barqueiros», de Anxo Muíños e Humberto Loureiro, ás sete e media na Biblioteca.
As propostas xa consolidadas voltan ao programa deste ano. Durante a Feira, o escultor Eugenio Linares fará unha exhibición de talla con motoserra. E na mañá do 9 de abril, a EVEGA organiza a súa xornada técnica anual en Sober. •

• O monfortino Rodrigo Coucheiro Limeres, premio do Concurso de Carteis

O deseño co que se anuncia a XXXIX Feira do Viño de Amandi leva firma monfortina. Rodrigo Coucheiro Limeres foi o gañador do Concurso de Carteis, nunha edición que recibiu 51 traballos procedentes de diversos puntos de España. O xurado, integrado polos profesionais Iván Patiño, Manuel Valcárcel «Piro», Eva F. Ferreira e Toño Parga, concedeu cadanseu accésit aos orixinais asinados por Víctor Miranda, da Coruña, Luis Enrique Núñez de Viloira, do O Barco de Valdeorras, Carlos Gallego, de Barcelona, e Celso Cuñarro, da Coruña. •

• PROGRAMA DA XXXIX FEIRA DO VIÑO DE AMANDI

Na mañá do sábado 13 de abril, a adega Don Bernardino, en lembranza do seu fundador, Bernardino Rodríguez, será a encargada de inaugurar a edición número trinta e nove da Feira de Amandi. Tras unha actuación de música tradicional antes do mediodía, o programa continuará pola tarde, coa precata oficial dos viños presentados.

CONCERTO DE MARIA DO CEO O SÁBADO ÁS OITO, E OS GIN TONI’S POLA NOITE
A música voltará da man da Banda de Música de Sober, ás seis e media, e xa ás oito, o Auditorio de Sober acollerá o concerto da fadista María do Ceo. Pola noite, amenizarán a Feira a charanga Louband e Sr. Jingles, na Praza do Concello, para rematar cos Gin Toni’s a partir das doce.
PREGÓN A CARGO DE MARÍA DO CEO
O domingo 14 de abril, iniciarase a xornada festiva co lanzamento de 25 bombas de palenque, unha en representación de cada colleiteiro da Feira. A charanga NBA e os pasarrúas a cargo da Banda Municipal de Música de Sober encherán de animación o ambiente na carpa da Praza do Concello.
A partir das once e media, comezará a cata oficial dos viños, e á mesma hora, celebrarase a misa solemne coa Bendición de Ramos, na igrexa de Sober. A recepción das autoridades e a música da Banda de Sober darán paso á lectura do pregón da XXXIX Feira do Viño de Amandi pola intérprete de fados María do Ceo.
Xa na tarde do domingo, animarán o fin de festa a charanga NBA e a orquestra Los Satélites.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Promoción de cine para a Feira Medieval de Monforte de Lemos

Seguinte Nova

O Concello de Monforte pon a punto as rúas máis transitadas cunha limpeza intensiva

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: