Unha xornada técnica reuniu en Chantada a 110 titulares de granxas de coellos de toda Galicia e norte de Portugal

• As provincias de Lugo e Ourense concentran a maior parte das granxas de coellos de Galicia, comunidade que suma 257 explotacións • A nosa comunidade lidera a produción en España, con preto de 14.000 toneladas anuais

A xornada sobre cunicultura organizada pola firma Evialis celebrouse o 3 de abril na Finca Quinteliña, en Chantada. (Foto: F. VIEIRA)

Chantada converteuse por un día na capital galega do sector da cunicultura. O 3 de abril, a Finca Quinteliña acolleu a 110 titulares de granxas de coellos de toda Galicia e do norte de Portugal, para reflexionar, da man de expertos, sobre aspectos sanitarios e de sostibilidade deste tipo de explotacións.

«COHERENCIA E PROGRAMAS PREVENTIVOS» PARA IR REDUCINDO A MEDICACIÓN NOS PENSOS
A firma Evialis Galicia, adicada á alimentación animal, organizou no municipio chantadino a cuarta Xornada de Cunicultura, un evento que serviu para «afrontar con éxito a desmedicalización en pensos». Así o explicou o veterinario Javier Saavedra, que presentou na xornada os resultados dun estudo técnico realizado en granxas, adiantando que «os datos foron positivos». Saavedra precisou que, nunha explotación na que se reduciron drasticamente as medicacións en pensos «os resultados foron moi parecidos ao ano anterior, e incluso mellores nalgún parámetro». Este experto salientou que «aínda que non podemos prescindir dos antibióticos, si se pode rebaixalos utilizando e coherencia e o sentido común e mantendo os programas preventivos».

MÁIS IMPLICACIÓN DOS GANDEIROS EN CUESTIÓNS DE BIOSEGURIDADE
Nesta liña de acción, os relatores da xornada celebrada en Chantada plantearon a importancia dos parámetros de manexo e bioseguridade, que dependen só dos gandeiros, e que «é preciso optimizar».

AS VACINAS E A INTRODUCIÓN NOS PENSOS DE PRINCIPIOS VEXETAIS, ALTERNATIVAS AOS ANTIBIÓTICOS
Entre o plantel de relatores da xornada estivo Ignacio Badiola, director do subprograma de enfermidades endémicas de IRTA, que defendeu as vacinas como «alternativa» aos antibióticos, «aínda que en cunicultura as vacinas aínda están por desenvolverse en moitos casos». Fronte a esta situación, Badiola suxeriu a introdución nos pensos de «extractos dalgunhas plantas que se ten comprobado que amosan un efecto combativo importante», en patoloxías como a coccidiose.

APUNTES PRÁTICOS SOBRE PREVENCIÓN E TRATAMENTO DE DOENZAS COMÚNS NOS COELLOS
Xunto a estas cuestións, a xornada que organizou Evialis Galicia aportou datos sobre o diagnóstico e a patoloxía de determinadas enfermidades dixestivas nos coellos. Os expertos presentes en Chantada tamén abordaron a prevención de doenzas como a mixomatosis, que rexistrou unha importante incidencia no último ano, e o tratamento da salmonela, unha das enfermidades máis comúns nesta especie.

FERRAMENTA PARA OS PRODUTORES
O director técnico de Evialis Galicia, Antonio Pereiras, lembrou a importancia de «afrontar os retos e as súas posibles solucións» da man «da investigación, da Universidade, da empresa privada e da administración». Neste sentido, a xornada que a empresa organizou en Chantada quixo ser unha ferramenta «para axudar aos cunicultores a poñer no mercado o mellor produto co mínimo custo e ao mellor prezo de venta posible». •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O PP defendeu ante os empresarios de Sarria que a economía comarcal «necesita a ampliación do solo industrial e o impulso do Camiño»

Seguinte Nova

Dúas alumnas do IES Río Cabe disputarán a fase europea da Olimpiada de Estatística

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio

Don't Miss