
O camiño da Ribeira Sacra para ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade vén de dar un importante chanzo. O 5 de abril, o Consello do Patrimonio Histórico confirmaba o rexistro oficial da candidatura deste territorio para entrar na Lista do Patrimonio da UNESCO. Este paso foi anunciado en Nogueira de Ramuín, nun acto presidido polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polos alcaldes dos municipios da Ribeira Sacra, e por representantes de organismos da contorna.
O presidente amosou «a ilusión dos galegos por compartir co resto de España, de Europa e do mundo os tesouros da Ribeira Sacra». Feijóo fixo un repaso pola «longa peregrinaxe» desta iniciativa, que arrancou en 1996, cando a Ribeira Sacra ingresou na lista indicativa de España para a UNESCO. Un paso de gran relevancia foi a aprobación, en decembro pasado, do expediente de declaración de Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra como paisaxe cultural, imprescindible para optar á consideración do organismo internacional. •