. Na fin de semana do 20 e 21 de abril, Monforte enxalzará a súa historia coa celebración da XVII Feira Medieval.
RÉCORD DE POSTOS E DE INVESTIMENTO EN ACTIVIDADES
Este ano, o evento acolle un número récord de postos, con 117, para ofrecer unha ampla variedade de produtos en artesanía, gastronomía e comercio. Ademais, o Concello de Monforte aumentou a dotación económica para as actividades da Feira en 7.466 euros, ata acadar os 68.265 euros, un 12% máis que na pasada edición, e un 65% máis que hai catro anos. Deste xeito, e segundo explicou o alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación do programa, manteranse moitas das actividades máis exitosas de edicións anteriores, e presentaranse novidades para facer a Feira Medieval aínda máis atractiva.
NOVIDADES DO PROGRAMA
A mañá do sábado abrirase con pregoeiros, que anunciarán pola rúa as actividades da Feira, na que haberá máis espectáculos, ademais da estrea dunha actuación de acróbatas na Praza de España. A apertura oficial da Feira irá acompañada, por terceiro ano, por unha salva de artillería, empregando unha réplica dunha bombarda do século XIV. Na noite do sábado, incrementarase ata 200 o número de fachos que se reparten no Campo da Virxe para a subida ata San Vicente. Esta exitosa actividade tamén se verá reforzada coa queima da fachada do Pazo dos Condes de Lemos, previa á solta de faroliños dende a Praza Luis de Góngora. Ademais, recupérase a Cea Medieval no Parador de Monforte, na que as persoas interesadas poden inscribirse no correo monforte@parador.es, ou a través do teléfono 982 41 84 84.
ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS
Este ano, o Campamento Medieval da Asociación de Recreación Histórica Cabaleiros de Ulver consolídase con numerosas actividades e unha exposición de armeiros de época. O Campo de San Antonio acollerá o espectáculo de aves de rapina e cetrería, e o espazo da contorna do Convento das Clarisas será o escenario, como o ano pasado, do Campamento Infantil Medieval. Pola súa banda, a Caravana das Burriñas realizará itinerarios dende a Praza do Doutor Goyanes. A Feira completarase co espectáculo das Xustas Medievais, no campo de terra dos Escolapios. •