
A finais de abril e comezos de maio, terán lugar en Quiroga os cursos que organiza a Deputación para formar a guías específicos do programa Observer de Turismo Científico. As accións formativas, que serán de balde, celebraranse o 29 e 30 de abril, e o 6 e 7 de maio.
Segundo explicaron dende o organismo provincial, os cursos aportarán formación específica para desenvolverse como guías acreditados no Espazo Observer, categoría recoñecida recentemente para o territorio das Montañas de Ancares e O Courel.
DESTINATARIOS E PROGRAMA DOS CURSOS
Os cursos van destinados a profesionais e empresas do sector que estean ubicadas na contorna do Espazo Observer, aínda que poden solicitalos persoas interesadas en exercer como guías neste territorio.
O obxectivo dos cursos é formar a guías específicos para traballar neste espazo de gran riqueza natural. Os participantes recibirán formación sobre os principios e a historia do Turismo Científico, o ecoturismo, a lexislación aplicable e as figuras de protección sobre os territorios. Ademais, afondarán no coñecemento da riqueza natural e cultural dos Ancares e O Courel. Así mesmo, o alumnado formarase en metodoloxías axeitadas para este traballo, como dinámicas de grupo, atención ao público e estratexias e técnicas interpretativas.
As persoas interesadas poden inscribirse a través do enderezo electrónico guias@observersciencetourism.com. •