
Música e viño déronse a man, un ano máis, na Feira de Amandi celebrada en Sober o 13 e 14 de abril. A feira enolóxica decana da provincia cumpriu 30 anos, tendo aos fados de María do Ceo como sintonía desta edición. A fadista afincada en Ourense exerceu de pregoeira no mediodía do Domingo de Ramos, diante dunha carpa abarrotada de público. No seu pregón, María do Ceo repasou a importancia do viño na historia e na cultura occidental, e enxalzou a pervivencia desta cultura vitivinícola en Sober. A fadista pechou a xornada da mañá interpretando a coñecida peza «María La Portuguesa», co acompañamento da Banda Municipal de Música de Sober.










