As Montañas do Courel xa son oficialmente Xeoparque Mundial da Unesco

• Montañas do Courel é o primeiro Xeoparque Mundial de Galicia e do noroeste peninsular, e o 13 de España • Esta categoría da UNESCO téñena recoñecida un total de 141 territorios de todo o mundo

O pregamento de Campodola-Leixazós é unha das singularidades xeolóxicas que caracterizan o conxunto do Xeoparque Montañas do Courel. GPDL

O pasado 12 de abril, coñeceuse a confirmación oficial do recoñecemento, por parte da UNESCO, do conxunto Montañas do Courel como Xeoparque Mundial. Este territorio, que abrangue os municipios de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, convértese no primeiro Xeoparque Mundial de Galicia e do Noroeste peninsular, e no 13 de toda España. Con este recoñecemento, o espazo do Courel contará cunha especial protección, ademais de participar en accións conxuntas a nivel mundial para a posta en valor do territorio e a promoción das súas xentes. Segundo o programa da UNESCO, os Xeoparques pretenden «resaltar a xeodiversidade e promover as mellores práticas de protección, educación e turismo».

Os alcaldes de Quiroga e Folgoso, o tenente de alcalde de Ribas de Sil, e o xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, impulsores do proxecto Montañas do Courel, cos examinadores da UNESCO, na visita que realizaron á zona en xullo de 2018. Arquivo GPDTL


A candidatura deste territorio á categoría Xeoparque das Nacións Unidas arrancou por iniciativa dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, e do GDR Ribeira Sacra-Courel. No camiño, contaron co apoio da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, que aportaron achegas económicas para levar a cabo accións promocionais e de xestión.
Trala noticia deste recoñecemento, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, salientou que «a partir de agora, xa hai unha razón máis para descubrir as montañas do Courel». Así mesmo, o presidente da Deputación, Darío Campos, afirmou que esta «é unha declaración histórica para a nosa provincia, e un extraordinario impulso para o turismo da zona». •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Patrimonio, tradicións e sabor con música e animación na 28º Feira do Viño de Vilachá

Seguinte Nova

Pantón celebrou os dez primeiros anos do centro de día

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: