O 4 de maio, celebrouse en Monforte a Gala do Deporte, para recoñecer aos mellores deportistas do ano 2018. O acto serviu tamén para homenaxear a entidades e persoeiros destacados do mundo deportivo local. Así, foron recoñecidos Santiago Díaz Rodríguez como promotor do piragüismo en Monforte, José Antonio Díaz Expósito como comunicador, xestor e director deportivo, e Pepe Mourelo pola súa traxectoria como comunicador e promotor do deporte. Así mesmo, José Antonio Arias Parga foi homenaxeado pola súa traxectoria profesional como fotógrafo, e Mariano Rodríguez Cedrón veu recoñecida a súa labor como directivo do Lemos, e por ter asumido a presidencia en momentos difíciles desta entidade deportiva.
PREMIOS AOS MELLORES DEPORTISTAS E MEMBROS DO MUNDO DO DEPORTE
No apartado da prática deportiva, os atletas Jairo Salgueiro Montero e Sonsoles Martín Rodríguez foron agasallados como Mellores Deportistas Absolutos do 2018. Pola súa banda, Alejandro Fernández Franjo e Laura Álvarez Suárez recibiron os premios aos Mellores Deportistas Promesas, polos seus logros no taekwondo durante o pasado ano.
O premio ao Mellor Adestrador correspondeu a José María Vega, do club Neka de taekwondo. O recoñecemento como Mellor Árbitro do 2018 foi para Luis Ángel López Rodríguez, de tiro olímpico. O distintivo para o Mellor Club Deportivo de Monforte en 2018 correspondeu ao Club Korbis de voleibol.
No acto, que se desenvolveu na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, deuse a coñecer o vídeo da XI Carreira Popular de Monforte, realizado pola produtora local Amanita Films. •