•Oito adegueiros participan nesta edición, que terá lugar os días 17, 18 e 19 de maio en Ferreira
A edición número vinte e seis da Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón contará este ano cun día máis. Segundo explicou o alcalde, José Luis Álvarez, na presentación do programa, a cercanía do festivo das Letras Galegas amplía as posibilidades deste evento enolóxico, que arrancará no mediodía do venres 17 de maio, coa apertura das casetas no campo da feira de Ferreira. Ás sete da tarde, procederase á inauguración oficial da XXVI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón por Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta. A noite será o tempo da música, co concerto de Broken Peach ás dez, e a actuación de La Fuga ás doce menos cuarto.
As charangas Louband, Europa e Fuego animarán tamén a xornada do sábado 18 de maio, que terá como evento estrela a III Festa da Empanada, no recinto do Castro, con venda de empanadas e produtos típicos. Ás dez e media da noite, poderase desfrutar do concerto do grupo Señor Aliaga.
O domingo 19 de maio arrancará coas alboradas do grupo de gaitas O Castro, e durante todo o día, animará o ambiente a charanga Támega. Á unha, terá lugar a lectura do pregón, a cargo da presentadora e actriz da TVG Eva Iglesias. A música voltará ás cinco e media cos Xograres de Lemos, e dará fin á Mostra cunha actuación musical ás sete e media. •