Monforte xa ten pechadas as actuacións e orquestras para as Festas Patronais. O alcalde, José Tomé, adiantou en rolda de prensa, o primeiro de maio, os nomes dos artistas que tirarán do programa festivo de agosto. Carlos Baute, Chenoa, DVICIO, Blas Cantó e Señor Aliaga compoñen o plantel de primeiros figuras para encher Monforte de visitantes e animación do 12 ao 16 de agosto. A oferta musical completarase coas orquestras Marbella, Finisterre, Principal, La Oca e Panorama.
Tomé xustificou que o programa festivo quedara xa decidido cando faltan poucos días para o remate do mandato. “O novo goberno que saia das eleccións do 26 de maio non toma posesión ata mediados de xuño”, precisou o rexedor, apuntando que esta circunstancia “deixaría pouca marxe de tempo para organizar as Festas”.
CALENDARIO
A apertura das Patronais será o luns 12 de agosto, coas actuacións de DVICIO e a orquestra Marbella. A oferta musical para o martes día 13 estará integrada por Carlos Baute e a orquestra Finisterre. Chenoa e a orquestra Principal encherán de música a xornada do día 14. Así mesmo, o xoves 15 de agosto, día grande das Patronais, será a quenda de Blas Cantó e a orquestra La Oca. O broche de ouro das Patronais de Monforte correrá a cargo da orquestra Panorama, e da actuación do grupo Señor Aliaga. •