O pasado 10 de maio, deuse a coñecer o cartel que promocionará as Festas Patronais de Monforte de Lemos 2019. O deseño resultou gañador do concurso que o Concello vén de recuperar dende 2016, e que, na presente edición, vén de agasallar cun único premio de 1.000 euros á soberina Sonia Álvarez Carnero. Este importe pretende “retribuír o esforzo, o traballo e a dedicación da persoa que resulta gañadora”, segundo precisou o alcalde, José Tomé, na presentación do cartel.
33 CARTEIS, 12 MÁIS QUE O ANO PASADO, E DOS QUE 18 SON DE MONFORTE
O rexedor salientou que, na edición número vintecatro do concurso de carteis, concorreron 33 deseños, unha ducia máis que na pasada convocatoria. Do total de traballos recibidos, 18 procedían da cidade de Monforte, que competiron con propostas enviadas dende varios puntos de Galicia, como Lugo, A Coruña, Nigrán, Chantada ou Vilagarcía. Dende fóra da nosa Comunidade, contabilizáronse catro carteis, enviados dende Barcelona, Madrid, a localidade valenciana de Oliva, e a navarra de Arre.
Tomé destacou a importancia de abrir o concurso “ao público en xeral, para que calquer cidadán poida facer a súa proposta”, ao tempo que se recibe “unha maior aportación de ideas”.
DESEÑO “MODERNO” E CON CORES SIMBÓLICOS
O xurado do concurso de carteis das Patronais estivo formado por representantes de diferentes empresas creativas de Monforte. No seu veredicto, o xurado valorou o deseño “moderno” do cartel gañador, no que se destacan, a través de catro cores, os elementos máis significativos de Monforte e das súas festas. O verde simbolizaría os xardíns, o azul lembraría ao río Cabe, o vermello representaría os fogos artificiais, e o amarelo o sol do verán monfortino. •