A tempada está a completarse con máis éxitos para o club Neka. Os monfortinos lograron catro medallas no Campionato Galego Escolar de Combate, que se celebrou a finais do mes de maio. Un resultado que o director deportivo do club, José María Vega, cualificou de «máis que aceptable», tendo en conta que «moitos dos participantes eran case novatos, e que os meus alumnos priorizan a técnica sobre o combate», precisou o adestrador.
RESULTADOS
Na proba autonómica subiron ao podio Marco García, que se proclamou campión galego, Lucía Roca e Adara Carballude, ambas con medalla de prata, e Daniel Areán, que logrou o bronce.
No balance da competición, dende o club destacaron a dificultade que atoparon xa na primeira ronda, na que Karla Novo caeu diante da campiona do peso, e Alejandro Brandariz tivo que enfrontarse ao que finalmente foi campión. Pola súa banda, Santiago Gómez estivo moi preto de gañar o seu combate.
Así mesmo, cabe destacar a traxectoria de Dani Pérez, «un dos mellores do Neka en combate», ao que desta volta non lle acompañou a sorte. No seu debut, Abdou Ndao deixou «moi boas sensacións», perdendo por só catro puntos.•