•A primeira quenda de contratacións permitiu empezar a limpeza de vexetación en viais do Páramo, Paradela, Sarria, Taboada e O Saviñao
A comezos deste mes, o Goberno en funcións da Deputación deu luz verde aos primeiros traballos da campaña de desbroce dos viais de titularidade provincial.
PLAN BIANUAL DOTADO CON PRETO DE 2,5 MILLÓNS DE EUROS
O plan, que abrangue as tarefas correspondentes a este ano e ao vindeiro 2020, conta cun orzamento de preto de 2,5 millóns de euros. As primeiras adxudicacións aprobáronse na Xunta de Goberno celebrada o 5 de xullo, que permitiu dar vía libre ao desbroce nun total de 17 municipios. Nesta primeira quenda, e para a zona sur, quedaron aprobados os traballos de eliminación de vexetación nas estradas provinciais que pasan polos municipios de Paradela, O Páramo, Sarria, Taboada e O Saviñao.
MÁIS SEGURIDADE PARA O TRÁFICO, E REDUCIÓN DOS RISCOS POR INCENDIO FORESTAL
Os responsables provinciais sinalaron que o plan de desbroce permite mellorar a seguridade dos condutores, ao tempo que se reduce o risco de avance das lapas no caso de incendio.
CONTRATACIÓN A AUTÓNOMOS E PEQUENAS EMPRESAS
Así mesmo, dende o Goberno da Deputación incidiron en que a contratación dos traballos faise a autónomos e pequenos empresarios, o que permite xerar novos postos de traballo e conservar os xa existentes.
Co anuncio da primeira quenda de adxudicacións, dende a Deputación adiantaron que estes días se vai completar a tramitación dos traballos para cubrir a totalidade dos 67 concellos lucenses, co fin de poder iniciar as tarefas «de xeito inminente». •