•O evento, que terá lugar en Rubián o 14 de xullo, recreará unha feira tradicional galega de hai máis de 100 anos

O sur de Lugo celebrará, o 14 de xullo, unha volta ao pasado máis recente da Galicia rural. A Feira Tradicional Outrora recreará en Rubián-Bóveda o ambiente das feiras galegas de hai algo máis dun século.

Arquivo EC
CARTEL CON SINATURA LOCAL
Artesanía, música e lecer daranse a man na edición número dezasete deste evento, que vén de premiar como cartel promocional o deseño proposto por Miriam Varela Méndez. A xove deseñadora, natural de Bóveda, superou aos outros 21 candidatos que presentaron os seus traballos ao VIII Concurso de Carteis que organiza o Concello.
A Feira abrirá ás dez, con pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas Municipal, e a actuación do grupo infantil de Danza Tradicional do Concello. Ás doce, poderase ver a V Concentración-Exhibición de Vehículos Antigos, para continuar coa actuación da Banda de Música de Foz.
A tarde comezará con obradoiros artesanais para cativos, ás catro, seguidos da Festa da Espuma e os xogos interxeracionais. Ás oito, actuará a Coral Municipal, e ás oito e media voltará a recreación etnográfica da malla. A noite seguirá coa degustación do isco no guizo e música, a partir das dez e media. •