Os Orzamentos locais para 2019 tratarán de poñer a Monforte a débeda cero

José Tomé deu a coñecer os Orzamentos de Monforte para 2019 a finais de xuño, xunto á tenente de alcalde, Gloria Prada. GPCM

A continuidade de José Tomé como alcalde de Monforte tras lograr outro mandato, desta volta por maioría absoluta, tivo como primeiro efecto a nivel local a aprobación dos Orzamentos para este ano. As contas municipais estaban paradas, logo de que, en novembro pasado, a oposición tumbara a proposta de Tomé, daquela nun goberno en minoría. Aos quince días de tomar posesión, o rexedor socialista presentou de novo os Orzamentos, cumprindo así o compromiso electoral de ter resolto este tema en xullo, «para que os clubes e asociacións poidan cobrar as axudas no propio 2019».

UN 2,42% MÁIS DE INGRESOS
As contas do Goberno socialista para Monforte estiman uns ingresos de arredor de 12.930.000 euros, o que supón un 2,42% máis que o ano anterior. Un dos aspectos máis destacados por Tomé foi o obxectivo de poñer ao Concello «a débeda cero». «Por primeira vez na historia democrática desta institución», destacou o alcalde, «non se vai solicitar ningún crédito bancario», para que «o Concello non deba nin un só euro aos bancos, e os monfortinos sexamos cidadáns sen débeda pública».

A ATENCIÓN ÁS PERSOAS, «UN PILAR DE GOBERNO»
Por áreas, o rexedor socialista destacou a mellora dos servizos sociais, «porque a atención ás persoas é un pilar fundamental na nosa xestión». Deste xeito, incrementaranse en 40.000 euros os fondos para a axuda a domicilio, e en 10.000 euros máis os de emerxencias sociais. Así mesmo, manterase «flexible» a partida para combater a pobreza enerxética, «por se houbese que reforzala con outras partidas», salientou. Ademais, crearase unha nova praza de Traballadora Social, cofinanciada entre o Concello e o Plan Concertado.
Tamén medra en 12.000 euros, o orzamento para a Unidade de Drogodependencias.
O Concello duplicará a aportación para bus escolar, ata os 27.000 euros, por ter aumentado o servizo debido aos horarios diferentes dos colexios.
Medra a aportación para eventos culturais, con 16.000 euros máis na partida única do Verán Cultural e Festas Patronais, e 12.000 máis para a Feira Medieval. En deporte, os clubes contarán co dobre do que recibían en 2015, incorporando este ano ao Club Ciclista Monforte e o Club de Pesca Río Cabe. •

• 1,4 MILLÓNS PARA MELLORAS NO SANEAMENTO: Esta semana, saiu a información pública o proxecto para mellorar a rede nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijóo. O Concello aporta 400.000 euros, e a Deputación e a Confederación Hidrográfica o resto a partes iguais•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os dereitos humanos, protagonistas das Xornadas Xurídicas de Sarria

Seguinte Nova

Preto dunha trintena de participantes na primeira Xornada de Turismo Científico no Courel, organizada pola Deputación

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: