•Logo do pregón, a cargo da poeta Noa Moreiras, a escritora Olga Novo revelou novas testemuñas documentais, que apoian a forza da revolta guímara a finais do século XV
Todos os anos, a Feira Guímara recrea, a través dunha dramatización a cargo dos propios veciños, a revolta deste pobo fronte aos abusos do Conde de Lemos. O choque entre soldados profesionais e veciños escasamente armados, dá fe da desigualdade de forzas nunha loita que marcou a identidade do pobo guímaro.
A POBRA DO BROLLÓN, UNHA VILA LIBRE NUN MUNDO AÍNDA FEUDAL
Segundo os datos aportados pola escritora da Pobra Olga Novo, están documentados no Arquivo Real de Valladolid máis dunha ducia de pleitos de veciños deste municipio contra o Conde de Lemos, entre os anos 1480 e 1601. A Pobra do Brollón recibira, en 1304, unha nova carta de poboamento real, o que a liberaba de calquer dominio por parte dun señor feudal. A situación que provocou, a finais do século XV, a actitude do Conde de Lemos de reclamar tributos aos guímaros iba en contra da natureza de municipio libre que tiña recoñecido este territorio.
LOPE DE FERREIROS, O PROCURADOR GUÍMARO QUE ESPERTOU O ORGULLO DUN POBO
Olga Novo deu a coñecer estes datos nunha intervención no acto inaugural da VI Feira Guímara. Tralo pregón da poeta Noa Moreiras, Novo explicou que, nos documentos atopados no Arquivo de Valladolid, aos que se referiu como “centos de páxinas de resistencia”, confírmase o nome dun guímaro, Lope de Ferreiros. Este personaxe actuaría como procurador dos veciños nos pleitos que iniciaron contra o Conde de Lemos. A comezos do século XVI, foi o propio Lope quen animou aos guímaros a presentar resistencia e a defenderse dos abusos do noble monfortino diante da xustiza. A reacción do Conde de Lemos foi atacar e destruír A Pobra, e prender a Lope de Ferreiros a quen, como castigo, ordenou cortarlle un pé, sen mediar xuízo algún. •