Máis de 1 millón de euros en axudas da Xunta a 126 beneficiarios lucenses para prevención de danos por incendios

Balseiro explicou os detalles das achegas autonómicas para prevención dos danos por incendios forestais, o 18 de xullo. GPDTL

As comunidades veciñais en man común, as agrupacións e mancomunidades, así como as Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) da provincia de Lugo recibirán este ano máis de 1.130.000 euros en subvencións da Xunta. Segundo explicou o delegado territorial, José Manuel Balseiro, estas achegas da Consellería do Medio Rural darán cobertura a 126 beneficiarios por desastres naturais como incendios forestais ou catástrofes.

PROTECCIÓN ECONÓMICA E TAMÉN MEDIOAMBIENTAL
Balseiro salientou que as subvencións contribuirán «a minorar os impactos negativos» que os incendios causan sobre o potencial de desenvolvemento e produción dos montes, ao tempo que se protexe a súa flora e fauna naturais.
As achegas permitirán un maior control selectivo do combustible forestal, e tamén a construción de puntos de auga. Balseiro destacou que os proxectos subvencionables foron preparados polos propios beneficiarios segundo as súas necesidades, co compromiso de levar os traballos a efecto nun prazo máximo de catro meses dende a notificación da axuda.

APORTACIÓN ENTRE OS 2.800 E OS 25.000 EUROS EN 37 CONCELLOS LUCENSES
O delegado precisou que as subvencións poden acadar o 100% do custe das accións, polo que os beneficiarios poderían pagar só o ive. As axudas «distribúense por todos os distritos forestais da provincia», salientou Balseiro, «e chegan a 37 concellos lucenses». Segundo o número de hectáreas e o tipo de accións, as achegas oscilan entre os 2.800 e os 25.000 euros, precisou. As axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A artesanía foi a gran protagonista da XVII Feira Tradicional Outrora en Rubián-Bóveda

Seguinte Nova

O Túnel do Viño e os produtos da Ribeira Sacra agrandan a celebración da Feira da Rosca de Sober

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: