• José Tomé Roca tomou posesión do cargo á fronte do organismo provincial cos votos a favor dos dez representantes socialistas e dos tres deputados do Bloque Nacionalista Galego
O monfortino José Tomé Roca, alcalde da cidade do Cabe, tomou o bastón de mando da Deputación de Lugo no Pleno de constitución do organismo provincial, celebrado o 18 de xullo. A investidura do socialista chegou logo do acordo alcanzado co Bloque Nacionalista Galego, o que permitiu sumar aos dez votos dos deputados socialistas os tres apoios dos representantes nacionalistas na Corporación provincial. Así, o Bloque faise cargo da vicepresidencia con Maite Ferreiro Tallón, concelleira en Lugo.
«NOVA ETAPA» NA DEPUTACIÓN CO OBXECTIVO DE «DEVOLVER A TRANQUILIDADE ÁS INSTITUCIÓNS»
José Tomé abriu o seu discurso aludindo á «nova etapa» que se inicia na Deputación de Lugo, insistindo na importancia de «dignificar a política», actividade que, segundo o socialista monfortino, «só se pode facer con honestidade, con rigor, con eficiencia, con diálogo, con transparencia e con proximidade á cidadanía». Nesta liña, e logo de expresar «a ilusión e o optimismo» co que asume o cargo de mandatario provincial, Tomé Roca salientou como un dos seus obxectivos «devolver a tranquilidade e a normalidade institucional» á Deputación, ao tempo que se busca «fortalecela como garante da cohesión social e territorial da provincia».
Seguir reforzando a cooperación e asistencia aos Concellos, eliminar a fenda dixital, e revertir os recursos naturais e culturais da provincia en «oportunidades económicas e de emprego» foron os eixos programáticos que o socialista sinalou para o mandato que comeza.
INTEGRANTES DA NOVA CORPORACIÓN PROVINCIAL
Con Tomé Roca, compoñen o grupo provincial dos socialistas na Deputación Pilar García Porto, Pablo Rivera Capón, Mayra García Bermúdez, Roberto Fernández Rico, Ana González Abelleira, Xosé María Arias Fernández, María Loureiro García, José Luis Raposo Magdalena, e Roberto García Pernas.
O grupo nacionalista na Deputación está encabezado pola xa vicepresidenta, Maite Ferreiro Tallón, xunto ao sarriao Efrén Castro Caloto e Mónica Freire Rancaño.
Polo Partido Popular, constitúen o grupo con representación na Deputación Elena Candia López, Javier Jorge Castiñeira, Jesús Núñez Díaz, Francisco Javier Balado Teijeiro, Jesús Novo Martínez, José Pardo Lombao, José Antonio García López, José Ángel Santos Sánchez, Óscar Poy Franco, Pablo Taboada Camoira, Lola Castro Ochoa, e Agustín Baamonde Díaz. •