•Os logros monfortinos no deporte veñen sumar este mes as 16 medallas logradas polo Club Quixós no Campionato Galego Promoción de Slalom

O deporte monfortino estivo de celebración, logo dun ano de éxitos de competidores locais en probas de nivel nacional e internacional. O 19 de xullo, o alcalde, José Tomé, recibiu no Concello aos medallistas monfortinos da tempada que vén de rematar, e a continuación, fixo os correspondentes honores á expedición de xoves deportistas que representaron á cidade do Cabe na recente edición dos Xogos do Eixo Atlántico.

10 DEPORTISTAS DE SOBRESAÍNTE
Na primeira recepción, o alcalde gabou o esforzo de dez deportistas monfortinos, aos que felicitou polos seus éxitos en competición. No acto, Tomé fixo entrega dunha réplica da Torre da Homenaxe, símbolo de Monforte de Lemos, aos deportistas como agasallo conmemorativo.
Os homenaxeados foron Mª Eugenia Martínez, polo seu primeiro posto no Campionato de España de Pitch&Putt; Lucía Cabo, Laura Rodríguez e Yasmín Díaz, por ser campionas de España de Descenso de Augas Bravas na modalidade de patrullas clásicas; Jairo Salgueiro, como campión de España de Atletismo de menores en salto de lonxitude; Junior Martínez, por lograr o primeiro posto no Campionato de España de taekwondo combate sub-21; o equipo formado por Jorge Soto, Fabio Dos Santos e Mauro Casas, por proclamarse campións de España de pesca de salmónidos mosca; e Raúl Esmorís, por lograr o primeiro posto por equipos no Campionato do Mundo de Billar Amateur, celebrado en Las Vegas a finais de maio.
4 MEDALLAS NOS XOGOS DO EIXO
Logo desta entrega de agasallos conmemorativos, o alcalde, José Tomé, recibiu á delegación de deportistas que representaron a Monforte nos XIII Xogos do Eixo Atlántico, que tiveron lugar na localidade portuguesa de Braga a comezos deste mes. En atletismo, Carlos López logrou unha medalla de prata en 1.000 metros lisos, e outra prata en atletismo en ruta, mentres que Manuel Rodríguez acadou a medalla de ouro en lanzamento de peso. O outro ouro da expedición logrouno Lucía Varela en natación, en 100 metros espalda.
En voleibol, a representación monfortina acadou o noveno posto, e o décimo cuarto en fútbol. •