O mes de agosto trae unha intensa axenda de eventos en Chantada, en torno á celebración, o 24 de agosto, do Folión de Carros, unha das festas máis senlleiras de todo o sur lucense. Coas rúas do casco chantadino engalanadas para a gran cita festiva, veciños e visitantes poderán desfrutar de diversos eventos.
OLIMPIADAS RURAIS E CARRILANAS
O xoves 22 de agosto, a partir das seis da tarde, terá lugar unha nova edición das Olimpiadas Rurais. O parque Eloísa Rivadulla acollerá esta actividade, para a que hai que inscribirse na Casa da Cultura. Ao día seguinte, o venres 23 de agosto, será a quenda das tradicionais Carrilanas e motoplásticas, con saídas ás cinco e ás seis da tarde. Desta volta, a carreira ten carácter solidario, polo que os asistentes poden traer un quilo, ou máis, de alimentos non perecedoiros, que se entregarán á Cruz Vermella para a súa distribución.
CONCURSO FOTOGRÁFICO DO FOLIÓN
A organización do Folión ten aberto ata o 31 de outubro o prazo para enviar traballos ao II Concurso Fotográfico «As imaxes do Folión de Carros». As instantáneas deberán tomarse durante a celebración da festa, e poderán participar todas as persoas maiores de idade que o desexen. Haberá tres premios, consistentes en trofeo e diploma.
Os traballos enviaranse por correo ao apartado postal número 12 de Chantada.•