•A cita gastronómica do verán soberino celebrarase os días 11 e 12 de agosto, cun total de 18 postos de produtos gastronómicos e artesanais
Todo listo en Sober para desfrutar da XXIV Feira da Rosca, o Mel e outros produtos da Ribeira Sacra, nunha celebración que terá lugar os días 11 e 12 de agosto. Un total de 18 postos estarán presentes no recinto feiral da Praza do Concello, espazo que xuntará a catro rosqueiros, dous oleiros de Gundivós, tres produtores de mel, catro artesáns, catro queixeiros e un produtor artesán de castaña e dos seus derivados.
DÚAS DEGUSTACIÓNS DE PRODUTOS E CONCERTO DA BANDA DE SOBER
A Feira da Rosca abrirá ás nove e media da noite do domingo 11 de agosto, e ás dez, a Banda de Música de Sober ofrecerá un concerto co grupo local Os Parentes, dentro do programa de actos do 150º aniversario da Banda. Xa ás once da noite, haberá unha degustación de licor café e mel.
Na mañá do luns día 12, e trala apertura dos stands, haberá unha demostración de artesanía e de ferreiro a partir das dez e media. Á unha e media, terá lugar unha degustación de 2.000 racións de rosca de Sober con queixo, e ao remate, será a quenda da música tradicional, co grupo Airiños de Orbazai.
MÁIS DE 30 ADEGAS, E CATAS CON SUMILLERES
Nas mesmas datas, estará aberto o III Túnel do Viño, un evento específico para achegarse e saborear todos os matices dos viños da subzona de Amandi da Denominación Ribeira Sacra. Segundo informou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, na presentación do evento o 31 de xullo, no Túnel do Viño estarán presentes máis de 30 adegas, que amosarán máis de 50 referencias, con catas guiadas por sumilleres profesionais. O Túnel estará aberto o domingo de once e media ás dúas e media, e pola tarde de cinco a sete e media. O luns, o horario será de once e media a dúas e media.•