Durante todo o mes de agosto, o espazo expositivo do Museo dos Ferrocarriles de Galicia (MUFERGA) de Monforte acolle a exposición «Sensaciones», da fotógrafa monfortina Pili Chaos. A mostra, integrada por 15 fotografías, traslada ao espectador a un nivel distinto de percepción, xa que «a función da fotografía, aparte de rexistrar momentos únicos, é a de provocar algún tipo de sensación en nós», afirma Pili Chaos.
O MUNDO DO TREN, MOI PRESENTE
A autora desta serie de imaxes, que defende que a fotografía «non ten que ser bonita ou tecnicamente perfecta, senón expresiva», trata de xerar sensacións a través de diferentes propostas. A colección que amosa Pili Chaos no Muferga non se limita ás paisaxes, senón que indaga tamén noutras temáticas, como o retrato ou o «street photo», cunha especial atención ao mundo do tren.
As fotografías de Pili Chaos son o resultado dun camiño de investigación e aprendizaxe autodidacta. «Cando empecei coa fotografía, facía fotos por intuición, sen fixarme na composición, poñía o dial en automático e disparaba». Pouco a pouco, foi evolucionando e incorporando novas técnicas, como a longa exposición, nocturna e diurna, ou introducíndose no denominado «lightpainting», que consiste en pintar con luz nunha fotografía.
Entender a fotografía como unha afición «que pratico nos ratos libres e fins de semana», é un concepto tomado do xa falecido José Ortiz Echagüe, recoñecido fotógrafo español do século XX. «As súas fotos impresionáronme moito», explica Chaos, que se confesa en constante aprendizaxe, e co obxectivo enfocando xa a novos horizontes, como a astrofotografía.•