As previsións que tiña o Consorcio de Turismo ao comezo do verán superáronse en 10 puntos
Este mes de agosto, a Ribeira Sacra acadou un 94,5% de ocupación, unha media que supera nun 5% á do mesmo mes do ano pasado. Os datos aportados polo Consorcio de Turismo falan de récord , pois “nunca antes se rexistrara unha ocupación mensual e global tan alta como esta”, sinalaron dende a xerencia deste organismo. A clave destas cifra está no segmento de “outros aloxamentos”, debido ao cheo dos establecementos de 3 e 4 estrelas, así como dos de turismo rural. Nos primeiros, a ocupación medrou un 4%respecto a agosto de 2018, chegando ao 98%. No eido do turismo rural, encheuse o 95% das prazas dispoñibles, o que indica un crecemento do 2,5% sobre o cómputo do agosto anterior. Con todo, a maior subida, ata un 12% máis que en 2018, rexistrouse na terceira tipoloxía de establecementos, na que se sitúan tamén as vivendas de uso turístico, que dende hai dous anos está a tirar do crecemento deste grupo. A ocupación para este segmento en agosto foi do 93,5%.
En canto ás previsións para setembro, o Consorcio de Turismo espera un 65% de ocupación media, que sube ata o 83% para os hoteis de 3 e 4 estrelas, coa posibilidade real de superar estas cifras, como vén sucedendo nos últimos anos.