Oito formacións musicais animarán o Festival do Paradiso en Monforte

A oitava edición deste evento gratuíto porá fin ao verán cultural de Monforte, o sábado 7 de setembro

Amaro Carretero e Alan Damián Rodríguez, membros da Asociación Náufragos do Paradiso, organizadora do Festival, xunto á concelleira de Cultura, Marina Doutón, e a representante de FemForte, Laura Fernández Vázquez, na presentación do VIII Festival do Paradiso en Monforte. GPCM

Monforte acollerá unha nova edición do Festival do Paradiso, cun programa que combina música e actividades, con entrada de balde. A partir das 12 horas do sábado 7 de setembro, o Parque dos Condes encherase de animación, coa presenza de oito formacións musicais de diversas tendencias, e procedentes de varios puntos de Galicia.

O festival, organizado pola Asociación Náufragos do Paradiso, comezará ás doce do mediodía cunha sesión vermú, na que o protagonista será o compostelán Pablo Navas. Temas propios e versións de pop e rock serán a proposta deste músico, con máis de 1.000 concertos nos dez anos que leva xirando por Galicia.

ACTIVIDADES

Logo do xantar popular, desenvolverase unha Timba Poética a micro aberto, aberta a todos os que queiran participar. Ao longo da xornada, haberá un posto de venda de vinilos e de artesanía na contorna do Parque dos Condes.

O programa musical está integrado por High Paw &Elephants Yard, unha banda veterá do reggae en Galicia, que se acompaña da cantante viguesa High Paw. Reggae, hip hop e rocksteady son as tendencias que se poderán desfrutar neste concerto.

HEAVY MONFORTINO

A banda local El Tarot de Thoth traerá versións da música heavy da man de músicos monfortinos e da contorna. Na cita co Festival do Paradiso, estarán Tiji, Chemón (ex Anger) e Adrián Levices (ex Liviao de Marrao) ás cordas, xunto a Ciego na batería e Lore Vidal como vocalista.

MESTURA DE MÚSICAS NUNHA XORNADA ÚNICA EN MONFORTE

Dende Vigo chegan Los Pontiaks, cunha mestura de boogie, rock´n rollclásico, exótica e swing, e unha estética que non deixará indiferente a ninguén.

The Lelli Kellys traerá ao Festival do Paradiso o seu repertorio de rock&roll clásico, punk e rythm&blues, despois de tres anos de xiras e concertos por Galicia. A Cadela Asasina, Dúas Gamberras e Un Micro, e DJ Darius Weis completarán a oferta musical desta xornada.

A edición número oito do Festival do Paradiso conta coa colaboración do Concello de Monforte e a Deputación de Lugo. Ademais, a asociación FemForte manterá aberto un “punto lila” na contorna do festival, para a prevención da violencia de xénero.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Rally Ribeira Sacra estreará en Sober o seu trazado lucense

Seguinte Nova

O rural de Sober disporá de seis novas áreas de ocio

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: