O Concello investiu 30.000 euros de fondos propios
O Concello de Sober realizou a reforma integral dos vestiarios do campo de fútbol da Carqueixa. As obras inclúen a remodelación dos almacéns e dos aseos públicos, así como dos lavabos, retretes e duchas que empregan os xogadores. O proxecto implicou tamén un arranxo estructural, coa mellora da cuberta con panel sándwich, a substitución de portas e ventás, e unha nova instalación de fontanería e electricidade, ademais de traballos de albanelería e pintura interior e exterior.
Os traballos custeáronse con algo máis de 30.000 euros, aportados polo Concello de Sober. O alcalde, Luis Fernández Guitián, lembrou que esta mellora busca que o Deportivo Río Sil, equipo local que adestra neste campo, poida estrear o seu ascenso a segunda autonómica con instalacións renovadas.