Monforte estreou «un novo Miradoiro do Duque, máis atractivo, seguro e amplo»

•Culminou a reforma integral e ampliación deste punto de interese turístico sobre o Canón do Sil, con dous espazos de observación e o dobre de superficie

Na inauguración do remozado Miradoiro do Duque estiveron o alcalde de Monforte, José Tomé, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, xunto a membros da Corporación monfortina, o 16 de setembro. GPCM

O único miradoiro que ten Monforte sobre o Canón do Sil estreou novo aspecto. O 16 de setembro, volveu abrir este punto de interese turístico, que ofrece o dobre de espazo para acoller grupos de visitantes, ademais de dotarse de dous bancos e un panel informativo. O Miradoiro, que permite contemplar a posta do sol nun entorno único, conta tamén cun deseño máis actual, así como un novo punto de observación en voladizo. O proxecto supuxo un investimento de case 51.000 euros, cofinanciados pola Xunta de Galicia a través do GDR-Ribeira Sacra, e por fondos municipais.

Na reforma, dotouse ao Miradoiro dun panel informativo para dar a coñecer aos visitantes os puntos de interese máis próximos. GPCM

O DOBRE DE ESPAZO, MÁIS MODERNO E ACCESIBLE
Dos case 36 metros cadrados de superficie que tiña, o Miradoiro pasa a dispoñer de 78, o que fixo posible o redeseño das estruturas de observación, así como a acollida de grupos de visitantes. Deste xeito, o Miradoiro do Duque ofrece agora dous puntos de observación, que aproveitan a singular orografía da zona. Ademais, acondicionouse un acceso para persoas con mobilidade reducida.
A renovación incluiu un panel informativo, a instalación de dous bancos e un novo pavimento, e o reforzo de seguridade con novas varandas.

Máis espazo para visitas de grupos, e un acceso para persoas con mobilidade reducida son algunhas das novidades que poden atoparse no Miradoiro do Duque. GPCM

A REFORMA INTEGRAL CONVERTE ESTE ESPAZO NUN «NOVO MIRADOIRO»
No acto inaugural, o alcalde de Monforte, José Tomé, falou desta instalación como «o novo Miradoiro do Duque», xa que a reforma integral que se lle aplicou deu como resultado «un miradoiro máis atractivo, máis seguro, máis amplo e con máis información». O feito de dispoñer dun acceso para persoas con mobilidade reducida e capacidades diferentes convérteno nun «miradoiro máis inclusivo».

APOIO Á CANDIDATURA DA UNESCO
Pola súa banda, o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou estas obras porque «incrementan o atractivo turístico deste elemento», que permite achegarse a unha «panorámica da viticultura heroica e da paisaxe da Ribeira Sacra». Balseiro insistiu en que este tipo de intervencións son «necesarias para apuntalar os recursos da zona», de cara á súa candidatura a Patrimonio da Humanidade da Unesco. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Concello de Monforte ten en marcha un programa para o apoderamento da muller no rural

Seguinte Nova

Adxudicada por máis de medio millón a conservación de estradas provinciais da zona sur

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio

Don't Miss