
O Concello de Monforte renovará todo o pavimento da rúa Cardenal, cun presuposto de licitación de 307.048 euros, que se custerá con remanentes municipais. O proxecto presentouno o alcalde, José Tomé, o 18 deste mes, e irá ao Pleno do día 30 para a súa aprobación.
ALGO MÁIS DA METADE DAS LOUSAS ACTUAIS PODEN REUTILIZARSE
A principios de agosto, o Goberno municipal encargou un proxecto a unha empresa local para que analizara o estado do pavimento e as posibles solucións. Con esta finalidade, os técnicos da empresa fixeron unha revisión lousa a lousa, e concluíron que algo máis da metade están en boas condicións, polo que poderán ser reutilizadas.
Segundo explicou o alcalde, no arranxo integral desta rúa “emblemática e escaparate da nosa cidade” incluirá o nivelado da zona de árbores e a corrección das raíces que levaron os adoquíns. Aproveitando as obras, vanse instalar zanxas entubadas para uso diverso, ademais de nivelar as canalizacións de pluviais unha vez se instalen as novas lousas.
Estos traballos esixirán levantar todo o mobiliario urbano e de servizos, así como o bordiño de acceso á Avenida de Galicia. Ao remate, volverán instalarse as diferentes pezas no seu lugar orixinal. Por último, farase unha limpeza profunda con chorro de auga e area para limpar a superficie das lousas reutilizadas. •