Monforte acolleu un encontro sobre o patrimonio inmaterial do Camiño de Inverno

•As XVI Xornadas Científicas sobre este roteiro reuniron a case 250 persoas ao longo dunha fin de semana •O programa ofreceu conferencias, debates e unha andaina

Na clausura, o 15 de setembro, participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao grupo de participantes na andaina dun tramo do Camiño de Inverno. GPXG

As lendas, contos e cantigas sobre o Camiño de Inverno protagonizaron as XVI Xornadas Científicas sobre esta ruta xacobea, que se celebraron en Monforte de Lemos do 13 ao 15 de setembro. Organizadas pola Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra dentro do programa da Xunta «O Teu Xacobeo», as xornadas integraron un amplo programa de conferencias, actuacións musicais, proxeccións e debates, para culminar cun roteiro por un tramo do Camiño de Inverno.

O presidente da Deputación acompañou na inauguración das Xornadas Científicas á presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, o 13 de setembro. GPDL

AS LENDAS E OS CONTOS, «ELEMENTOS IDENTIFICADORES DUN TERRITORIO»
Na inauguración, o presidente da Deputación, José Tomé, deu a benvida aos participantes neste encontro, que xuntou a preto de 250 en toda a fin de semana, e gabou a labor da asociación organizadora, «por poñer o foco en aspectos tan identificadores como as lendas ou os contos». O mandatario provincial, que acompañou no evento á presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, valorou que non se deixe esquecer «todo este patrimonio oculto que foi transmitido de xeración en xeración».

REFLEXIÓNS A CARGO DE PROFESIONAIS DE DIVERSAS ESPECIALIDADES
O programa contou, entre outros, con Ana Goy Díaz, catedrática de Historia da Arte da USC, que abriu as xornadas cunha conferencia sobre o valor universal da Ribeira Sacra. Pola súa banda, o exconselleiro de Cultura, Víctor Vázquez Portomeñe, falou sobre o valor inmaterial dos Camiños de Santiago, e o músico Xosé do Incio reflexionou sobre o patrimonio inmaterial das regueifas.
UN FORMATO DE ÉXITO «POLO TEMA TRATADO E POR COMBINAR ACTIVIDADES»
A presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, Aida Menéndez, salientou o «éxito de participación», que se explica «polo tema tratado e por combinar partes máis científicas con outras musicais e visitas guiadas». Menéndez afirmou que «é imprescindible recuperar estas lendas e cantos dos nosos devanceiros que nos unen a todos ao carón do Camiño».
Este elemento tamén foi posto en valor pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presente na clausura das xornadas de Monforte. O programa «O Teu Xacobeo» ten como un dos seus obxectivos a recuperación do patrimonio inmaterial en torno ao Camiño de Santiago, e poñelo en valor tanto entre os peregrinos como na propia sociedade galega. Castro tamén destacou que este tipo de itinerarios culturais están a contribuír á dinamización das economías locais. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A tradición das bandas de música militares, presentes nos actos do 150º aniversario da Banda de Sober

Seguinte Nova

As Exaltacións Gastronómicas de setembro adícanse á ao Porco Celta, os Grelos, e a Pataca e Mel de Galicia

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: