
Pantón protagonizará a próxima edición da cea de confraternidade que o colectivo Lemos Le vén organizando dende hai seis anos con motivo do 24 de outubro, Día das Bibliotecas.
CEA O SÁBADO 26 DE OUTUBRO
A cita será o sábado 26 de outubro, na Rectoral de Castillón, a partir das 21.30 horas. A cea convocará aos diversos axentes implicados na lectura e na educación da comarca de Lemos.
Ademais, o acto festivo servirá de marco para a entrega dos premios do VI Certame de Divulgación Mulleres de Lemos, adicado desta volta a Inés Fernández, abadesa do mosteiro de Eiré no século XV. Por este motivo, e con carácter previo á cea, organízase o mesmo sábado unha visita guiada á igrexa de San Miguel de Eiré, ás 19.00 horas.
Desta volta, será a historiadora Flora Enríquez a encargada de aportar a colaboración literaria á cea de confraternidade que organiza Lemos Le. Nas edicións anteriores, esta función asumírona escritores do sur de Lugo como Olga Novo, Xabier Quiroga, Manuel Veiga ou Lois Diéguez. •