•Con 50 prazas, estará aberto para peregrinos do Camiño de Inverno e grupos
Monforte aumentará a súa oferta de prazas de aloxamento cun novo servizo. No mes de novembro, está previsto que bote a andar un albergue turístico, o primeiro destas características na cidade do Cabe, con capacidade para 50 usuarios. Segundo informaron os seus promotores, o albergue acollerá tanto a peregrinos do Camiño de Inverno como a viaxeiros en xeral.
MONFORTE, “PUNTO ESTRATÉXICO” NO CAMIÑO DE INVERNO
O proxecto presentouse no Concello a comezos de outubro, coa presenza dun dos promotores, Ramón Díaz-Varela López, e o alcalde, José Tomé. O rexedor manifestou “o apoio decidido” do Concello a esta iniciativa que ofrecerá servizos “moi necesarios” para os visitantes que se achegan a Monforte e á Ribeira Sacra. Pola súa banda, Díaz-Varela destacou que os tres socios que impulsan este albergue afrontan “coa maior das ilusións” un proxecto do que Monforte carecía, a pesar de ser “un punto estratéxico do Camiño de Inverno”.
PENSADO TAMÉN PARA GRUPOS ESCOLARES OU DEPORTIVOS
Díaz-Varela explicou as características do albergue, que leva o nome da localización na que está situado, o número 15 da rúa Santiago. Este aloxamento non só recibirá peregrinos, senón que está pensado para acoller grupos organizados, como poden ser escolares ou deportistas. “Ten 50 prazas por unha razón: porque son as prazas que ten un autobús”, afirmou.
Estas 50 prazas repártense en liteiras pechadas distribuídas en habitacións compartidas en 4 módulos. O futuro albergue ofrecerá almorzo tipo buffet, ademais dunha carta de actividades turísticas e de lecer por Monforte e a contorna. •