• Dende o 14 de outubro e ata o 27 de decembro está en marcha a campaña de vacinación contra a gripe

O 14 de outubro, a Consellería de Sanidade iniciou a campaña de vacinación contra a gripe, que está en marcha durante 11 semanas, unha máis que o ano pasado. Ata o 27 de decembro, arredor de 900 puntos de vacinación disporán dun total de 615.000 doses, 7.000 máis que na campaña anterior, e que inclúen tres tipos de vacinas. Para a súa adquisición, Sanidade destinou un orzamento de 3.466.632 euros, 1.283.412 euros máis que o ano pasado, o que supón un incremento de preto do 59%.
VACINA MÁIS EFICAZ
Por primeira vez, Galicia ofrece a vacina tetravalente celular en persoas de 15 a 64 anos con factores de risco. Segundo precisaron dende o Sergas, estudos recentes outorgan a esta vacina unha importante maior eficacia fronte á tetravalente de cultivo en ovo, que é a que dispensan en Castela-León, Asturias e Canarias. Isto sitúa a Galicia como a primeira comunidade en España que ofrece este tipo de cobertura.
MÁIS NOVIDADES
Ademais, Sanidade aplicará a vacina tetravalente de cultivo en ovo para a poboación infantil con patoloxía de base, de 6 meses a 14 anos. A campaña complétase coa vacina trivalente adxuvada, para todas as persoas de 65 anos ou máis ingresadas en residencias ou non, e que constitúen o grupo poboacional con máis risco de complicacións.
Outra das novidades desta campaña é a inclusión como grupos de risco dos menores de 6 meses que naceran prematuros, e a incorporación tamén das persoas con trastornos da coagulación.
A campaña mantén como grupo prioritario ao persoal sanitario do Sergas, e este ano tamén se oferta a vacina ao persoal dos centros privados.•