Sober contará cunha partida superior aos 395.000 euros nos Orzamentos da Xunta de 2020 para construír vivendas de promoción pública, que se ubicarán entre o CEIP Virxe do Carme e o centro de saúde.
A deputada no Parlamento de Galicia e concelleira en Sober, Raquel Arias, e o alcalde, Luis Fernández Guitián, explicaron os detalles destes investimentos no solar que ocuparán as vivendas modulares.
SISTEMA MODULAR, SOSTIBLE E MÁIS RÁPIDO
Arias e Guitián precisaron que o proxecto arrancará con dúas vivendas, para engadir outras cinco nunha segunda fase. Cada unidade disporá de tres dormitorios, dous baños, salón, cociña, tendedeiro, trasteiro e garaxe. A opción de vivendas modulares permite acurtar os tempos de execución. Logo de preparar os cimentos, a fabricación do inmoble farase en fábrica, polo que haberá pouco impacto no terreo.
MÁIS INVESTIMENTOS NAS CONTAS DA XUNTA DE 2020
Arias e Guitián destacaron que o Executivo autonómico reserva máis partidas para Sober. En concreto, haberá 300.000 euros para infraestruturas turísticas e bens de interese público, como a instalación dun pantalán no embarcadoiro dos Chancís.
Así mesmo, os Orzamentos autonómicos contarán cunha partida de 52.000 euros para a mobilización de terras, o que dará continuidade aos proxectos iniciados en Proendos. Nesta mesma parroquia, no lugar de Francos promoverase unha aldea-modelo, con medidas especiais para protexer as vivendas fronte aos incendios forestais, ao tempo que se activa a actividade económica na contorna.•