• Apoiarán 140 proxectos de empresas, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e concellos lucenses
A Xunta está a apoiar con 1,9 millóns de euros a 140 proxectos de melllora da eficiencia enerxética e impulso das enerxías renovables promovidos por empresas, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e concellos da provincia de Lugo.
POR UNHA “GALICIA MÁIS VERDE”
As achegas da Consellería de Economía, Emprego e Industria supón unha media do 49% dos investimentos realizados, que suman un global de 3,8 millóns de euros. Os datos facilitounos o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen destacou que “a procura dunha Galicia máis verde” é unha das liñas estratéxicas do Goberno galego para os próximos anos.
LIÑAS DE SUBVENCIÓNS
No reparto das axudas, o 75% dos proxectos subvencionados foron propostos por empresas, que mobilizaron investimentos por 3,1 millóns de euros en 102 proxectos. A suma das achegas para este apartado acada os 1,4 millóns. Pola súa banda, a liña de subvencións apoia 30 proxectos presentados por autónomos, cun investimento mobilizado de 425.000 euros e un total de 192.000 euros en achegas.
No apartado de concellos e entidades sen ánimo de lucro, a Xunta subvenciona 8 proxectos.
O SUR E SARRIA, AS ZONAS CON MÁIS PROXECTOS SUBVENCIONADOS
Por territorios, a zona sur é a que ten máis proxectos subvencionados da provincia, con 53 proxectos apoiados con 722.100 euros de axudas e 1,4 millóns de investimento mobilizado. En segundo lugar está a comarca de Sarria, con 28 proxectos e 258.000 euros en subvencións, que permitiron mobilizar inversións por 531.300 euros.
PROXECTOS DIVERSOS
As accións subvencionadas inclúen obras de rehabilitación enerxética de fachadas e teitos de inmobles, instalacións solares fotovoltaicas e de xeotermia, caldeiras de biomasa, instalación de equipamentos eólicos de pequena potencia para autoconsumo, ou renovación de equipos de iluminación e sinalización exterior. •