• A partida está incluída nos Orzamentos do Executivo autonómico para 2020
Bóveda disporá de 200.000 euros da Xunta para mobilización de terras o vindeiro anos. Os Orzamentos autonómicos inclúen esta partida, que permitirá ofrecer ata 160 hectáreas de terra a gandeiros e agricultores interesados. Xa hai varias peticións en carteira, como a de Pablo Rodríguez, un mozo gandeiro de 21 anos que precisa máis terreos para a súa explotación, Gandería Xuíz. O seu titular ten previsto alugar terreos neste plan da Xunta para plantar millo forraxeiro nas terras dispoñibles entre as parroquias de Guntín e Ver. No programa de mobilización de terras, a Xunta chega a un acordo cos propietarios das fincas sen uso, para poñelas a disposición dos interesados mediante a fórmula de aluguer. •
• 560.000 euros para a mobilización de terras sen uso no sur de Lugo
As contas do Executivo autonómico para o vindeiro ano estiman unha partida de 560.000 euros para a mobilización de superficie agrogandeira en media ducia de municipios do sur de Lugo.
Ademais de Bóveda, entran dentro desta previsión os concellos de Quiroga, Sober, A Pobra do Brollón, O Saviñao e Chantada. Deste xeito, a Xunta dá continuidade a esta iniciativa, que xa o ano pasado financiara a recuperación de terras en Folgoso do Courel, Monforte de Lemos e Sober. Nesta liña, o conselleiro do Medio Rural, José González, salientou o mes pasado que a mobilización de terras é “unha liña estratéxica” da Consellería. Con este fin, o vindeiro ano recibirá o dobre de fondos que en 2019. •