A comezos de novembro, arrancaron as actividades do curso 2019-2020 nos grupos de teatro Argalleiras de Chantada e Teatreiras de Monforte. Baixo a coordinación da dinamizadora sociocultural Paqui Abeledo, estas dúas formacións de teatro afeccionado desenvolveron varias representacións dentro do programa Buxiganga, da Deputación de Lugo, ademais doutras actuacións ao longo do ano. As persoas interesadas en coñecer como funcionan estas agrupacións culturais, ou en sumarse á súa axenda de actividades, poden achegarse ao Centro Cívico do Malecón en Monforte ou ao Telecentro de Chantada.
CURSOS DE TEATRO
O teatro tamén protagonizou o curso “Arquetipos e Teatro”, que organizou Paqui Abeledo no Pazo Molinos de Antero de Monforte na primeira fin de semana de novembro. O curso tivo como relatoras a destacadas profesionais do teatro. A actriz e docente teatral Josi Lage, que tamén dirixe o FETEGA, foi a encargada da sesión monográfica sobre técnicas teatrais. Pola súa banda, a actriz, formadora en teatro e clown Nekane Fernández estivo á fronte do monográfico titulado “O teatro a través dos arquetipos”. Dende a organización, Abeledo amosou a súa confianza en dar continuidade a este tipo de monográficos formativos en varios puntos do sur de Lugo. •