Paradela foi o centro das celebracións do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, durante a xornada do 31 de outubro. Na véspera do Día de Todos os Santos e de Defuntos, o cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño e a Casa Consistorial acolleron os actos organizados pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, coa colaboración de diversos concellos e a Consellería de Cultura e Turismo.
SAN FACUNDO DE RIBAS DE MIÑO, O ÚNICO CEMITERIO DE GALICIA CON TODAS AS LÁPIDAS EN GALEGO
Cómpre destacar que o cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño é o único de Galicia que ten todas as lápidas escritas en galego. Isto foi posible por iniciativa dos veciños, co apoio do crego e musicólogo Xesús Mato, que decidiron redefinir o cemiterio, unificando o deseño das lápidas, a tipografía das inscricións e o idioma no que ían escritas.
«EN GALEGO, AGORA E SEMPRE»
Xunto a Mato, estivo nos actos de Paradela o alcalde, José Manuel Mato, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen lembrou «a todos aqueles que nos precederon e nos legaron a lingua propia de Galicia». O responsable autonómico aproveitou para «animar a todos os bos e xenerosos a sumarse á iniciativa En Galego, Agora e Sempre, para que a lingua que nos identifica en vida se empregue tamén nas celebracións funerarias». •