A convocatoria repartirá 20.000 euros en tres premios para apoiar as mellores iniciativas emprendedoras
O fomento de novos proxectos empresariais para xerar emprego e riqueza no sur de Lugo é o obxectivo principal da Asociación Semente Ribeira Sacra. Este colectivo vén de convocar a sexta edición dun concurso que premia con 20.000 euros aos tres proxectos máis innovadores para poñer en valor os recursos deste territorio.
FERNÁNDEZ: «QUEN TEÑA UNHA IDEA, HA DE TER AXUDAS»
Na presentación desta nova convocatoria, celebrado a finais de decembro, a presidenta da Asociación, Sara Fernández, lembrou o propósito do concurso, afirmando que «é importante que quen teña unha idea, teña axudas». O concurso repartirá tres premios. O primeiro galardón estará dotado con 10.000 euros, o segundo con 7.000, e o terceiro con 3.000.
O acto contou coa asistencia do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que gabou o «impulso» desta Asociación, pola súa traxectoria no apoio a iniciativas empresariais que activen a economía. Conde valorou a función deste colectivo «na detección do talento que pode dar respostas e dinamizar a economía». O conselleiro salientou o papel desta iniciativa, que xurdiu en 2014, logo de que caera en Monforte o primeiro premio do sorteo de El Niño. «Ademais de traballar na identidade territorial, aglutínase a todos os actores da Ribeira Sacra que, de modo conxunto, queremos dar resposta a estes retos».
COOPERACIÓN PARA UNHA MAIOR EFICACIA
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Luis Fernández, destacou durante a presentación dos premios a implicación dos axentes económicos e sociais no proxecto. Fernández apuntou á cooperación como clave para unha maior eficacia.
UNHA AXUDA MÁIS PARA A CANDIDATURA A PATRIMONIO DA HUMANIDADE
No acto de presentación dos sextos premios Semente Ribeira Sacra, o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, subliñou a importancia de que este proxecto se abrira a toda a Ribeira Sacra, de xeito que funcione como «unha axuda para respaldar a candidatura a Patrimonio da Humanidade da UNESCO».
INTERESE DOS EMPRESARIOS
Por último, na súa intervención, Mariano Méndez, da empresa Sicyme, aportou o punto de vista dos empresarios. «Quixemos colaborar porque nacemos en 2012 e coñecemos as problemáticas que hai para emprender», destacou.
As bases do concurso, aberto ata o 16 de febreiro, atópanse en www.sementeribeirasacra.org.•