• Neste ano, estenderase a instalación de fibra óptica ás 22 parroquias soberinas
As 22 parroquias de Sober contarán con fibra óptica este ano. Logo de que se completara a instalación na capitalidade en 2019, a extensión desta infraestrutura dixital a todo o rural efectuarase en 2020. Deste xeito, e segundo explicaron dende o Concello, garantirase o acceso a internet de calidade, cunha velocidade entre 50 megas e un xigabyte, dende calquer punto do municipio.
O alcalde, Luis Fernández Guitián, cualificou este paso como “unha extraordinaria noticia para comezar o ano”. O rexedor soberino puxo de relevo a importancia desta cobertura “tendo en conta as necesidades das máis de 30 adegas do concello amparadas pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra”, así como “os preto de 40 establecementos de turismo rural e outras empresas” con sede en Sober.
A extensión polo municipio da fibra óptica forma parte do Plan de Banda Larga de nova xeración, no que colaboran a Xunta de Galicia e a Administración Xeral do Estado.•