A promoción e posta en valor do Xeoparque Montañas do Courel empeza polo seu nome. Seguindo a tendencia de moitas localizacións senlleiras de instalar unha rotulación singular para identificar o territorio, colocáronse grandes placas co logotipo do Xeoparque en tres puntos estratéxicos. Xunto a eles, os visitantes poderán facerse fotografías, promocionando o Xeoparque ao difundilas nas redes.
A iniciativa, promovida polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, dispuxo dunha achega de 16.000 euros da Consellería de Cultura e Turismo, coa que se financiou o 65% do seu custo. Os paneis, de 2,5 metros de ancho e 1,3 de alto, constan dunha superficie de aceiro cortén sobre a que está troquelado o logotipo do Xeoparque. Esta gran placa apóiase nunha estrutura de madeira.
Un dos carteis está localizado no Miradoiro de Campodola, en Quiroga, que ofrece as mellores vistas do sinclinal deitado da Serra do Courel, espazo declarado Monumento Natural de Galicia en 2012.
Os outros dous carteis sitúanse no punto de observación da Devesa da Rogueira, en Folgoso, e na Praia Fluvial de San Clodio, en Ribas de Sil.•